luns, 3 de xullo de 2023

TRABALLANDO NAS AULAS CONTRA O MACHISMO, A LGTBIFOBIA E A VIOLENCIA DE XÉNERO.

Ademais dos faladoiros e obradoiros explicados con anterioridade, tamén se desenvolveron outras actividades realizadas durante o curso co alumnado e relacionadas coa igualdade, diversidade afectivo sexual e a prevención da violencia contra a muller.

Como tarefas de aula, actividades complementarias e incluso actividades voluntarias, parte do profesorado implicado no Plan Proxecta e no Contrato Programa traballou co seu alumnado estas temáticas.

Todas esas actividades poden consultarse neste Blog, na publicación ACTIVIDADES DESENVOLTAS NA AULA 

Premendo na anterior ligazón poden consultarse cada un dos traballos realizados na aula co alumnado, tanto as propostas feitas, maioritariamente a través da aula virtual, así como os resultados achegados polo alumnado. 

 ACTIVIDADES DESENVOLTAS NA AULA 

  •  QUE É CONSENTIMENTO? Para o 25 de novembro o alumnado elaborou bocadillos co que para elas e eles significaba “CONSENTIMENTO”, o requisito básico dunha relación sexual san. 

  •  AS QUE CONTAMOS. Para o 8 de marzo visibilizáronse ás mulleres anónimas que todos os días van aos seus traballos e coidan das súas familias sen ningún tipo de recoñecemento, e ás rapazas anónimas que están a estudar e que teñen sonos para os seus futuros.

  • C´EST QUI, CETTE MEUF?. As profesoras Anabela e Katia do departamento de francés organizaron co seu alumnado un traballo sobre referentes femininos de Francia.

  • AS MULLERES DA MEDICINA.  A profesora da familia de Sanitaria, Lara Pantaleón, titora do grupo do CM TCAE Dual, organizou coa súa titoría un traballo de investigación sobre as mulleres da medicina.


  • REFERENTES GALEGAS PARA O CURSO. Como fío condutor do Proxecta Donas de Si propuxéronse diferentes mulleres galegas como referentes femininos respecto dos cales se organizaron algunhas actividades. 

  • OS DEREITOS HUMANOS. A actividade consistiu na elaboración de infografías e visual thinking dos artigos da Declaración Universal de Dereitos Humanos.

  • UN MES, UNHA GALEGA. O alumnado de 1º CS IDMN realizou por parellas un traballo de investigación sobre mulleres galegas de todos os tempos. Por parellas elaboraron unha presentación dunha muller galega referente no seu eido e con voz e cousas que contar.

  • CONCURSO DILLO A QUEN MALTRATA. Todos os anos o Concello de Lalín organiza, polo día contra a violencia machista, un concurso de cartas denunciando o maltrato.....................................................

  • REGUEIFA CONTRA O MACHISMO. O referente feminino escollido para o mes de xaneiro foi LEONARDA DE TALLO, a primeira muller regueifeira que se coñece en Galicia.


  • OS MITOS DO AMOR ROMÁNTICO.  As alumnas do CM de Coidados Auxiliares de Enfermaría de Dual elaboraron unhas infografías sobre los "mitos do amor romántico" onde se deixa de manifesto o perigo que conteñen moitas mensaxes que o que fan é normalizar e/ou "romantizar" comportamentos machistas e de control sobre a muller. 

  • REFERENTES FEMININOS LGBTIQA+. Para o 17 de maio, o Día Internacional contra a Homofobia, Transfobia e Bifobia, propúxose ao alumnado traballar sobre referentes do colectivo LGBTIQA+, principalmente femininos, visibilizando así mulleres (e tamén algún home) das diferentes orientacións.  

  • O DÍA CONTRA A LGTBIFOBIA. Outra actividade proposta para celebrar o Día Internacional contra a LBTBIfobia foi elaborar unhas pequenas presentacións sobre tres momentos moi importantes na loita polo recoñecemento e respecto dos dereitos das persoas do colectivo....... 





 SEGUNDA TEMPADA DO CLUB DE LECTURA DE IGUALDADE

Durante todo o curso desenvolveuse tamén o Club de Lectura de Igualdade, grazas ao apoio do coordinador xeral do Club de Lectura Henrique Salvador Estévez Hernández e ao alumnado que participou no mesmo, alumnado maioritariamente do 1º Curso do CS de Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear.



PRIMEIRO LIBRO DO CURSO: FERREÑAS ROCK AND ROLL                                                                                                                          

O primeiro libro co que se traballou foi “Ferreñas Rock and Roll”. “Este libro é un catálogo ilustrado a toda cor no que se outorga protagonismo a trinta e unha músicas ou formacións integramente femininas que marcaron un antes e un despois tanto nos seus respectivos estilos como no conxunto da música galega”. Con el estivemos os meses de outubro e novembro e participou alumnado de 1º CS IDMN, alumnado de Bacharelato e da FP Básica (familia Administrativo). Ao remate do mesmo, o 2 de decembro Laura Romero, unha das autoras, achegouse ao centro para compartir con nos un pequeno faladoiro sobre o libro,  as súas inquedanzas e de como  xurdiu Ferreñas Rock and Roll. Unha agradable reunión onde falamos de lectura, igualdade e empoderamento das mulleres.


SEGUNDO LIBRO DO CURSO: CORREDORA                                                                                                                                                                

Para o segundo libro (nos meses de Xaneiro – Febreiro) foi a quenda de “Corredora”, un libro de María Raimóndez, unha historia colectiva de superación deportiva. Participou alumnado de 1º CS IDMN.

“A nena protagonista dende noviña o que máis lle gustaba era correr e correr polo ventre da montaña. Mais a fame, a guerra e a figura do pai obrígana a acompañar a súa nai e a pedir esmola polas rúas inseguras e caóticas de Addis Abeba. Alí, vendendo panos nos cruzamentos, Genet coñeceu a Abebe, un médico e voluntario da federación de atletismo que, sorprendido coa súa resistencia e velocidade, lle propón adestrar en Meskel Square. Dende entón, a súa vida mudará, como a doutras nenas, mozas e mulleres etíopes que corren contra si mesmas sen fin”. Así aparece na súa contraportada.

“Corredora” recolle a tradición atlética de Etiopía na busca activa de talentos entre as crianzas do rural ou empobrecidas nas cidades, ao tempo que reflexiona sobre a situación da muller nun país empobrecido onde as mulleres están destinadas a unha vida de sometemento e invisibilidade. 


TERCEIRO LIBRO DO CURSO: AS RAMONAS                                                                                                                                                                  

Nos meses de marzo e abril tocoulle á terceira proposta: “As Ramonas”, un libro de Ana Cabaleiro, no que a autora conta a historia de Mona Otero, “unha muller loitadora e soñadora que persegue con ansia, e mesmo con desesperación, a súa meta de triunfar no mundo da arte.

Toda a historia que se narra en As Ramonas emana do interior de sucesivos vehículos desde os que a protagonista nos vai amosando un rosario de factores que delimitan a súa existencia: a competitividade, a autoestima, os odios, a pobreza, a familia, o abandono, as aparencias, a falsidade do éxito, a dignidade” (https://editorialgalaxia.gal/produto/as-ramonas/).

O 18 de abril o grupo de 1º IDMN participou nun faladoiro con Ana Cabaleiro, que compartiu con nos como foi escribir As Ramonas.


CUARTO LIBRO DO CURSO: UN CESTO DE MAZÁS                                                                                                                                               

O cuarto e último libro que traballamos no club de lectura este curso 2022-2023 foi “Un cesto de mazás”. Tocoulle nos meses de abril-maio, coincidindo co mes dedicado a súa autora, Montse Fajardo, e coa saída que fixo o alumnado de FOL á Illa de San Simón. Neste último libro participou alumnado de 1º CS IDMN e 1º CS STI.

Un cesto de mazás fala "de foxas, batallóns, cárceres e exilio", das vítimas evidentes do 36, pero tamén das outras, de "viúvas obrigadas a sacar adiante soas aos seus. Criaturas orfas que non volven á escola porque non permítese a entrada a flllas de vermellos. Nais que saen pola noite a pasear por rúas escuras porque din vos lanuxes que a Santa Compaña anda cos mortos e elas queren ver ao seu fillo fusilado unha vez máis...". Para Montse Fajardo elas tamén son vítimas e por iso este libro "conta que pasou despois do fusilamento, do exilio, do cárcere...".

(Fonte: https://pontevedraviva.com/cultura/22563/presentacion-cesto-mazas-montse-fajardo-memoria-victimas-guerra-civil/?lang=es).

O  29 de maio o alumnado de 1º IDMN e 1º STI participou no faladoiro con Monste Fajardo, no que se estivo falando con sobre o libro.


 

SIGNAR NAS AULAS, a integración da discapacidade auditiva

O último obradoiro do curso tivo lugar en xuño. Por segundo ano consecutivo realizouse no centro o taller “Signar nas Aulas” para 1º ESO, da man de Laura T. Puentes García. Novamente se traballou co alumnado máis cativo do centro a importancia de coñecer a lingua de signos, e a sensibilización co colectivo de persoas xordas, discapacidade que está moi presente no centro xa que hai varias persoas (alumnas e alumnos) que se atopan nesta situación: persoas xordas, algunhas delas con implantes, que moitas veces se ven limitadas pola imposibilidade de comunicarse ou de ser entendidas xa que o resto de sociedade non se preocupa de aprender o máis básico.


domingo, 2 de xullo de 2023

 

SUBMISIÓN QUÍMICA: PROTOCOLOS DE ACTUACIÓN

16 de maio desenvolveuse o Obradoiro sobre “Submisión Química e Protocolos de actuación”
No taller participou o alumnado do CM de Técnicas/os de Coidados Auxiliares de Enfermaría de Ordinario, e foi impartido por Rafael Fernández de Sanmamed San, xefe do departamento de sanitaria do IES.
Nel falouse das principais substancias utilizadas polos agresores para inducir a submisión, dos diferentes tipos de agresores sexuais e de tácticas ou recomendacións de actuación no caso de detectar que unha moza pode estar baixo os efectos dalgunha substancia tóxica que  que a sitúe nunha posición de vulnerabilidade ante unha posible agresión sexual.



 

QUE É SER TRANS?

En maio leváronse a cabo varios faladoiros sobre temática LGTBIQA+, concretamente sobre a transexualidade e a transfobia, co obxectivo de traballar co alumnado a liberdade sexual, o dereito a que cada quen goce da súa orientación sexual, á identidade de xénero e a non discriminar nin ser discriminadas/os por razón de orientación ou identidade de xénero. o título “Que é ser Trans?”, Lola Pulleiro, estudante de enfermaría, ex-alumna do centro e activista trans desenvolveu varios faladoiros para o alumnado de  TCAE Ordinario, 1º CS STI, CM XA-B, 1º CS AF e 1º CS IDMN nos que se trataron temas como terminoloxía lgtbiqa+, a transición e os seus efectos, a transfobia e a nova lei trans.




 
MESA REDONDA "MULLER E DOBRE DISCRIMINACIÓN"

Tamén o 20 de abril organizouse no centro a Mesa Redonda “Muller e dobre discriminación” para 4º ESO, 1º BACH, 1º CS AF e 1º CS IDMN. Participaron na mesa redonda: 

  • Ana Martínez de AXPANAEX (asociación de persoas con discapacidade psíquica), mestra especialista en pedagoxía terapéutica; 
  • Zaida Jiménez do Secretariado Xitano, técnica en igualdade da Fundación Secretariado Xitano en Vigo; 
  • Laura Ferreira da Asociación FARAXA pola abolición da prostitución, que axudan e asesoran ás vítimas de trata, explotación sexual e redes de proxenetas, e mulleres prostituídas entre outras; 
  • e Lola Pulleiro, antiga alumna do centro, estudante de Enfermaría e activista trans.

Todas elas falaron en representación de catro dos moitos colectivos vulnerables que existen, e puxeron de manifesto a dobre discriminación que sofren as mulleres que pertencen a estes colectivos, xa que á pertenza ao colectivo súmase o feito de ser muller.





 

EMPODERAMENTO DA MULLER XITANA

20 de abril o Secretariado Xitano de Vigo impartiu no noso centro o Faladoiro “Novas mulleres Xitanas” para 2º ESO, un grupo onde hai un alto número de alumnado xitano, principalmente nenas. É moi importante promover entre estas alumnas a continuidade nos estudos.
As mozas xitanas concentran un elevado porcentaxe de abandono escolar, moitas veces pola incorporación ao traballo familiar a partir dos 16 anos e noutras ocasións porque casan e comezan a ter crianzas moi novas.
Fomentar a autonomía e a independencia entre estas mozas é moi importante, e para iso traballan Asociacións como o Secretariado Xitano, intentando favorecer a continuidade da formación académica entre mozas e mozos (sobre todo mozas, que as que máis abandonan os estudos) para que estas rapazas poidan ter unha saída profesional que lles permita valerse por si mesmas.



 

FENDA SALARIAL E ACOSO SEXUAL NO TRABALLO: A DISCRIMINACIÓN DA MULLER NO EIDO LABORAL.

No mes de febreiro (16 de febreiro) organizouse un faladoiro sobre representación laboral, sindicación, fenda salarial e acoso sexual e por razón de sexo no traballo, impartido por unha representante do sindicato CIG. O faladoiro desenvolveuse no Salón de Actos do Centro, durou 100 minutos e asistiron o alumnado de 1º CS IDMN, 1º TCAE Dual, 1º CS AF, 1º CS AD e 1º Xestión Administrativa. 

Con este faladoiro pretendíase poñer sobre a mesa a discriminación que continúan a sufrir as mulleres polo feito de ser mulleres, tanto a nivel de carreira profesional, onde a partir de certo nivel profesional maniféstase de xeito moi evidente o teito de cristal, así como a fenda salarial, chegando a unha diferencia de case 5.000 euros ao ano entre o salario dun home e o de unha muller.

Tamén se fixo fincapé no acoso que sofren as mulleres, tanto sexual como por razón de sexo, así como a discriminaicón do colectivo lgtbiqa+, disparándose respecto das persoas trans.

 




 

VIOLENCIA SEXUAL NA XUVENTUDE, a exposición contra a violencia de xénero do Concello.

Semanas 10 a 24 febreiro: Durante as semanas do 10 ao 24 de febreiro tivemos no instituto a Exposición “A violencia sexual na xuventude” (préstamo do concello de Vigo). A dita exposición consta de dez paneis. Cada panel está numerado, e co seu título, segundo o contido:

  • No panel 1 inclúense os créditos;
  • no panel 2 inclúe a identificación da violencia sexual;
  • no panel 3 os tipos de violencia sexual;
  • nos paneis 4 e 5 sinálanse as consecuencias e como recoñecela para poder afrontar esta situación;
  • panel 6 vai dirixido ao grupo, e responde á pregunta de como podemos axudar? ou que podemos facer?;
  • O panel 7 está pensado para que o alumnado reflexione sobre a forma de relacionarse (identifica situacións e actitudes de violencia e control);
  • no panel 8 defínese a violencia de xénero, pois a violencia sexual é unha das súas manifestacións;
  • e finalmente os paneis 9 e 10 son positivos, son claves para que mozos e mozas manteñan relacións en igualdade e liberdade.

Para fomentar e facilitar traballar a exposición entre o alumnado, elaborouse unha ficha que se distribuíu entre o as titorías

A ficha pode descargarse AQUÍ.

 

11F, CONMEMORACIÓN DO DÍA DA NENA E MULLER NA CIENCIA 

Co gaio da muller e a nena na ciencia, leváronse a cabo varias actividades no centro dentro da iniciativa 11F. Así:

O 8 de febreiro: Faladoiro “11F: Muller e Ciencia” na que Karina Pitombeira Pereira Pedro, fisioterapeuta e investigadora da Universidade de Vigo, visitou o noso centro para presentar ao alumnado do Ciclo Superior de Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear as investigacións levadas a cabo para a súa tese, e de como implementar a tecnoloxía no día a día das persoas profesionais da saúde.

Para iso achegou unha serie de aparellos nos que a tecnoloxía facilita a medición das variables físicas humanas, favorecendo a mellora dos diagnósticos e os tratamentos. Con isto pretendía achegar o saber científico e tecnolóxico aos estudos encamiñados ao traballo na sanidade, moi feminizado e onde predominan os coidados. 

Karina pretende fomentar en traballos como o de fisioterapia a investigación e a innovación tecnolóxica, materializándose en tratamentos adaptados onde a tecnoloxía úsase como ferramenta de recollida de datos. 



O 10 de febreiro as alumnas de 3º e 4º ESO desprazáronse á Universidade de Vigo, para asistir á xornada “ELAS FAN CIENCIA” e participar nunha serie de Obradoiros organizados pola Unidade de Cultura e Ciencia da Universidade con motivo do 11F (Día internacional da muller e a nena na ciencia). Asistencia aos obradoiros desenvoltos na Facultade de Teleco. Os obradoiros nos que participaron foron:


  • Detectives de imaxes: cada vez máis nos atopamos con deepfakes e imaxes manipuladas que axudan a difundir información falsa na rede. Aínda que algunhas destas edicións nos poidan parecer moi convincentes, o procesado de imaxe permítenos botar unha ollada máis aló do que ven os nosos ollos, e con sorte,  atopar inconsistencias que nos axuden a diferenciar o que é real e o que non o é. Así, neste obradoiro as alumnas recibiron unha pequena introdución ao amplo mundo do análise forense de imaxes, onde puideron explorar o funcionamento dalgunhas ferramentas que existen para a detección de manipulacións e xerar as súas propias edicións para poñelas a proba.

  • Programación dun xogo con Scratch: as rapazas programaron un pequeno videoxogo usando Scratch, para o que fixeron uso de función lóxicas común en programación como os bucles, os condicionas, o uso de obxectos. Fíxoselles unha enquisa para que elixiran entre dous videoxogos que se poden programar e logo se lles ensinou a programalo: definen unha personaxe, un escenario e un reto.

  • Introdución á programación web e ao seu funcionamento: neste obradoiro aprenderon a programar unha páxina web en linguaxe HTML usando Froala, un editor online HTML de balde, concretamente, un perfil de Instagram dunha científica relevante no ámbito TIC. Proporcionóuselles material gráfico e biográfico de catro científicas para que poidesen escoller: Joan Clarke, Margaret Hamilton, Hedy Lamarr y Ada Lovelace 






   O 13 febreiro desenvolveuse no centro o Faladoiro “As nenas e os estudos de ciencias”, para 4º ESO, impartido por Rebeca Díaz, profesora e investigadora da Facultades de Teleco, en Vigo.



EMPODERAMENTO FEMININO E MASCULINIDADES DISIDENTES, os obradoiros de Pepe Cabido e Sonia Fernández.

Este ano volveron ao noso centro por terceiro ano consecutivo Pepe Cabido e Sonia Fernandez. Foi o 6 de febreiro para desenvolver os seus talleres co alumnado de 4º da ESO sobre "Empoderamento Feminino" e "Masculinidades Disidentes"

Deste xeito os mozos por unha banda con Pepe falaron sobre a concepción patrialcal da masculinidade, sobre como se constrúe o imaxinario masculino e as consecuencias de non encaixar nese imaxinario, poñendo en valor as masculinidades feministas diverxentes, as masculinidades que se apartan do concepto tradicional de home, e empoderando aos mozos con masculinidades cuestionadas por ser homes sensibles, amables, que traballan no fogar e nos coidados, que defenden a igualdade de oportunidades das mulleres entre outras moitas cousas.

Por outra banda as mozas, xunto con Sonia, falaron de empoderamento feminino, sobre muller e relacións sexuais, de cuestionar calquera mandato social que implique submisión, cousificación, dependencia ou falta de liberdade.

Como sempre, un pracer poder contar con estes dous grandes profesionais, docentes e expertos en igualdade.

 

NESGOS NA MEDICINA: A ENDOMETRIOSE

O 27 de xaneiro organizouse un Faladoiro sobre a Endometriose, impartido pola Asociación “Querendo” de Mulleres vítimas desta doenza. Con esta actividade o que se pretendía era poñer de manifesto os nesgos que existen na Medicina á hora de diagnosticar unha doenza, sobre todo cando se refiren a enfermidades que son propias das mulleres. A Endometriose é unha doenza que afecta so ás mulleres, e en moitos casos os síntomas banalízanse ou non se presta á atención debida o que acaba derivando en situacións moito máis graves. Unha das principais demandas é que se  fagan as probas diagnósticas necesarias, na mesma medida que se realizan aos homes, en lugar de que derivar ás vítimas aos profesionais da saúde mental sen facerlles unha triste exploración, só polo feito de ser mulleres. Participaron os cursos de 1º e 2º do ciclo superior de Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear.


"VIOLENCIAS MACHISTAS: BALANCE E RETOS" por Carme Adán

Di a RAE que Feminicidio é o asasinato dunha muller a mans dun home por machismo ou misoxinia. Carme Adán fala de violencia contra as mulleres e de como o patriarcado non da tregua e continúa na procura de novas formas de manter a submisión das mulleres, e faino no seu libro “Feminicidio”.
Aproveitando que o mes de novembro dedicámolo a Carme Adán, como muller referente na loita feminista, alumnado de Ciclos (1º curso IDMN, 1º curso STI, 1º curso Xestión Administrativa) participou na lectura corrida do libro, e posteriormente o 7 de decembro Carme Adán visitou o noso centro e desenvolveu o Faladoiro “Violencias Machistas: Balance e Retos”, ao que asistiron o alumnado de 1º CM XA-A, 1º CM XA-B, 1º CS STI e 1º CS IDMN.

Carme falounos sobre o traballo que se leva feito na loita contra o machismo, fíxose balance sobre os avances do feminismo e tamén púxose enriba da mesa todo o traballo que queda por facer, cales son os novos desafíos.

Xornada para reflexionar sobre a sociedade na que vivimos e na que queremos vivir.