TERCEIRA EDICIÓN DO "CLUB DE LECTURA DE IGUALDADE"
O primeiro libro co que se traballou foi “Oito días sen Eva Cortés”, de Sara Vila. “A desaparición dunha rapaza en Pontevella sacode a cidade mentres a prensa local comeza a furgar na súa vida familiar e nas relacións persoais. Moitos prexuízos sociais pesan sobre Eva Cortes: ser muller, pertencer a unha familia humilde e frecuentar aplicacións de contactos. Na redacción do Correo de Pontevella non desperdician ningunha información morbosa, aínda que Antía Ubeira non estudase xornalismo para facer dun suceso tan tráxico unha noticia sensacionalista. O seu xefe só pensa en vender xornais, mentres ela se enfronta cada día aos seus principios. O diario de Eva Cortes, as novas do suceso no xornal e a visión de Antía son as tres voces que narran esta novela trepidante”. Con este libro aproveitamos para traballar a temática da violencia de xénero. Estivemos os meses de outubro, novembro e decembro, e participou alumnado de 1º CS IDMN, de 1º CS AF e 1º CS STI.
Ao remate do mesmo, o 19 de decembro Sara Vila, a autora, achegouse ao centro para compartir con nos un pequeno faladoiro sobre o libro, as súas inquedanzas e de como xurdiu Oito días sen Eva Cortés. Unha agradable reunión onde falamos de lectura e violencia machista.
Para o segundo libro (nos meses de Febreiro a Abril) foi a quenda de “Infamia”, un libro de Ledicia Costas, unha historia na que se misturan temas que lamentablemente enchen os titulares dos xornais todos os días: abusos sexuais do clero, pedofilia, homofobia, violencia sexual ou corrupción. Participou alumnado de 1º CS IDMN e de 1º CS STI. “Emma Cruz é avogada e profesora de Dereito Penal. Trasládase a Merlo para impartir clases na Universidade, sen saber que ese lugar está marcado pola desgraza. A súa chegada coincide co 25 aniversario da desaparición das irmás Giraud, dúas nenas ás que semella que tragou a terra.” Nesta ocasión non puidemos contar coa autora xa que a falta de orzamento imposibilitou tal encontro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario