domingo, 2 de xullo de 2023

 

11F, CONMEMORACIÓN DO DÍA DA NENA E MULLER NA CIENCIA 

Co gaio da muller e a nena na ciencia, leváronse a cabo varias actividades no centro dentro da iniciativa 11F. Así:

O 8 de febreiro: Faladoiro “11F: Muller e Ciencia” na que Karina Pitombeira Pereira Pedro, fisioterapeuta e investigadora da Universidade de Vigo, visitou o noso centro para presentar ao alumnado do Ciclo Superior de Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear as investigacións levadas a cabo para a súa tese, e de como implementar a tecnoloxía no día a día das persoas profesionais da saúde.

Para iso achegou unha serie de aparellos nos que a tecnoloxía facilita a medición das variables físicas humanas, favorecendo a mellora dos diagnósticos e os tratamentos. Con isto pretendía achegar o saber científico e tecnolóxico aos estudos encamiñados ao traballo na sanidade, moi feminizado e onde predominan os coidados. 

Karina pretende fomentar en traballos como o de fisioterapia a investigación e a innovación tecnolóxica, materializándose en tratamentos adaptados onde a tecnoloxía úsase como ferramenta de recollida de datos. 



O 10 de febreiro as alumnas de 3º e 4º ESO desprazáronse á Universidade de Vigo, para asistir á xornada “ELAS FAN CIENCIA” e participar nunha serie de Obradoiros organizados pola Unidade de Cultura e Ciencia da Universidade con motivo do 11F (Día internacional da muller e a nena na ciencia). Asistencia aos obradoiros desenvoltos na Facultade de Teleco. Os obradoiros nos que participaron foron:


  • Detectives de imaxes: cada vez máis nos atopamos con deepfakes e imaxes manipuladas que axudan a difundir información falsa na rede. Aínda que algunhas destas edicións nos poidan parecer moi convincentes, o procesado de imaxe permítenos botar unha ollada máis aló do que ven os nosos ollos, e con sorte,  atopar inconsistencias que nos axuden a diferenciar o que é real e o que non o é. Así, neste obradoiro as alumnas recibiron unha pequena introdución ao amplo mundo do análise forense de imaxes, onde puideron explorar o funcionamento dalgunhas ferramentas que existen para a detección de manipulacións e xerar as súas propias edicións para poñelas a proba.

  • Programación dun xogo con Scratch: as rapazas programaron un pequeno videoxogo usando Scratch, para o que fixeron uso de función lóxicas común en programación como os bucles, os condicionas, o uso de obxectos. Fíxoselles unha enquisa para que elixiran entre dous videoxogos que se poden programar e logo se lles ensinou a programalo: definen unha personaxe, un escenario e un reto.

  • Introdución á programación web e ao seu funcionamento: neste obradoiro aprenderon a programar unha páxina web en linguaxe HTML usando Froala, un editor online HTML de balde, concretamente, un perfil de Instagram dunha científica relevante no ámbito TIC. Proporcionóuselles material gráfico e biográfico de catro científicas para que poidesen escoller: Joan Clarke, Margaret Hamilton, Hedy Lamarr y Ada Lovelace 






   O 13 febreiro desenvolveuse no centro o Faladoiro “As nenas e os estudos de ciencias”, para 4º ESO, impartido por Rebeca Díaz, profesora e investigadora da Facultades de Teleco, en Vigo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario