Construíndo iguais no Mella
Blog de Igualdade do IES Ricardo Mella
venres, 3 de xullo de 2026
FICHA 8 DO PROXECTA:
HOXE DAMOS A CLASE NOS
As docentes que traballaron esta ficha foron Paz Ares e Ana Carballeira. A ficha desenvolveuse no mes de maio.
A metodoloxía empregada nesta actividade estivo baseada na aprendizaxe entre iguais (peer learning), unha estratexia que permite que o alumnado se converta en protagonista activo do proceso educativo ao asumir o papel de transmisor de coñecementos.
A preparación e exposición da presentación favoreceu a aprendizaxe significativa, xa que obrigou ao alumnado a seleccionar, organizar e reelaborar os contidos traballados ao longo do curso para poder explicalos de maneira clara e comprensible a outros compañeiros e compañeiras.
Así mesmo, potenciáronse competencias comunicativas, sociais e persoais, como a expresión oral, a escoita activa, a capacidade de síntese, a autoconfianza e o traballo cooperativo. O alumnado asumiu un papel activo e responsable, reforzando a súa percepción de competencia e protagonismo dentro do proceso de aprendizaxe.
A coordinación entre o Departamento de Orientación e a titoría permitiu crear un contexto seguro e motivador no que o alumnado puido expresar libremente os coñecementos adquiridos, favorecendo a reflexión compartida e a difusión de mensaxes positivas relacionadas coa educación afectivo-sexual, o respecto á diversidade e as relacións saudables.
A actividade constituíu unha experiencia de aprendizaxe especialmente enriquecedora ao converter ao alumnado en axente activo de sensibilización e formación para outros compañeiros e compañeiras do centro.
Ademais o alumnado de 3º da ESO foi o encargado de compartir cos seus compañeiros e compañeiras de 4º da ESO os coñecementos adquiridos ao longo do programa Querote+. Esta ficha desenvolveuse entre finais de maio e principios de xuño.
Para preparar esta intervención desenvolvéronse dúas sesións de traballo, os días 22 e 29 de maio, coincidindo co horario de titoría. Durante estas sesións organizouse o alumnado en cinco grupos, aos que se lles deu autonomía para seleccionar tanto o formato das súas presentacións como os contidos que desexaban abordar, sempre dentro das temáticas traballadas no programa.
A actividade final levouse a cabo o 5 de xuño nunha sesión de 50 minutos. Cada un dos grupos expuxo o seu traballo diante do alumnado de 4º da ESO, promovendo unha metodoloxía de aprendizaxe entre iguais. Para o desenvolvemento desta sesión contouse coa colaboración do Departamento de Orientación.
As actividades realizadas por cada grupo foron as seguintes:
● Grupo 1: elaborou un conxunto de tarxetas con conceptos relacionados coa sexualidade, que foron repartidas entre o alumnado de 4º da ESO. Posteriormente, varios participantes leron en voz alta os termos asignados e explicaron o seu significado segundo a súa percepción, favorecendo unha posta en común e a aclaración de conceptos.
● Grupo 2: deseñou unha dinámica baseada en preguntas sobre identidade de xénero e diversidade sexual. As cuestións formuláronse ao alumnado participante e serviron como punto de partida para un debate no que se intercambiaron opinións e se resolveron dúbidas.
● Grupo 3: presentou diferentes situacións relacionadas coa influencia das tecnoloxías nas relacións afectivo-sexuais. A partir destes casos prácticos promoveuse a reflexión conxunta sobre as condutas máis adecuadas e responsables en cada situación.
● Grupo 4: realizou unha presentación sobre os principais mitos do amor romántico, abordando cuestións como os celos, o mito da media laranxa ou as características das relacións saudables. Para ilustrar estes conceptos empregaron exemplos extraídos do cine e doutras producións audiovisuais.
● Grupo 5: elaborou, empregando cartón e outros materiais plásticos, un mural manipulativo con diferentes métodos anticonceptivos. A actividade consistiu en que dous alumnos ou alumnas de 4º da ESO clasificasen os distintos métodos en tres categorías, explicando posteriormente ao resto do grupo as características e diferenzas entre eles, o que permitiu reforzar os coñecementos sobre prevención e saúde sexual.
FICHA 7 DO PROXECTA: ACONCEPCIÓN, CONCEPCIÓN E ITS
As docentes que traballaron esta ficha e os grupos de alumnado foron Bárbara Merino co grupo de 1º FP Básica Electrónica e 2º FP Básica Administrativo, Paz Ares co grupo de 1º FP Básica Administrativo e Aurea Parcero con 3º ESO.
Coa FP Básica esta ficha desenvolveuse no mes de maio e ocupou 2 sesións.
Con esta ficha preténdese proporcionar ao alumnado información básica e rigorosa sobre as infeccións de transmisión sexual (ITS), favorecendo a adquisición de hábitos responsables e o desenvolvemento dunha actitude crítica fronte aos riscos asociados ás prácticas sexuais non seguras. Así mesmo, búscase fomentar a prevención, o coñecemento dos métodos de protección e a importancia do coidado da saúde sexual.
A actividade desenvolveuse en dúas sesións de 50 minutos co alumnado de 1º de FP Básica.
Ao inicio da sesión realizouse unha breve charla para explorar os coñecementos previos do alumnado sobre as infeccións e enfermidades de transmisión sexual. A diferenza doutras fichas traballadas anteriormente, observouse que o nivel de coñecemento do grupo era considerablemente menor neste ámbito, aparecendo numerosas dúbidas e ideas pouco precisas sobre as formas de transmisión, prevención e consecuencias destas infeccións.
Para o desenvolvemento da actividade empregáronse os materiais facilitados na aula virtual do programa Quérote+, especialmente os vídeos, gráficos e recursos audiovisuais incluídos na ficha. Estes materiais serviron como punto de partida para a explicación dos contidos e permitiron aclarar conceptos relacionados coas principais infeccións de transmisión sexual, os seus mecanismos de contaxio, as medidas preventivas e a importancia do diagnóstico precoz.
A visualización dos recursos xerou diferentes intervencións e preguntas por parte do alumnado, dando lugar a pequenos debates e reflexións guiadas sobre a realidade actual da saúde sexual entre a poboación nova. As explicacións complementáronse coa resolución das dúbidas formuladas polo grupo, favorecendo unha participación activa durante toda a sesión.
Con 3º ESO a intervención pedagóxica tivo un carácter continuado e estruturouse nun total de 5 sesións formativas de 50 minutos cada unha , o que permitiu profundar de maneira progresiva e secuenciada nos contidos relativos ás Infeccións de Transmisión Sexual (ITS) e os métodos anticonceptivos.
O deseño metodolóxico respondeu a un modelo cíclico e participativo, organizado en tres fases principais distribuídas ao longo das cinco xornadas:
1. Fase de Exposición Teórica e Clarificación Conceptual
● Uso de soporte dixital: Nas primeiras sesións utilizouse o PowerPoint como ferramenta visual para introducir os conceptos clínicos, biolóxicos e preventivos.
● Secuenciación de contidos: A división en 5 sesións facilitou que a información teórica se fragmentase de forma asimilable para o alumnado de 3º de ESO, evitando a saturación informativa e permitindo fixar ben os conceptos de ITS e anticoncepción.
2. Fase de Aprendizaxe Cooperativa e Expresión Creativa
● Deseño de carteis representativos: Dedicáronse sesións específicas ao traballo en talleres prácticos onde o alumnado, organizado en equipos, plasmou os coñecementos adquiridos.
● Procesamento da información: Esta fase activa serviu para que os estudantes debatesen entre eles, sintetizasen os riscos e as medidas de prevención, e asumisen un papel de axentes de saúde reprodutiva dentro da propia aula.
3. Fase Dialóxica e de Debate (Rolda de Preguntas)
● Espazo transversal de resolución: A contestación de preguntas e dúbidas non se limitou ao final, senón que se integrou como un fío condutor ao longo das 5 sesións.
● Clima de confianza: A continuidade no tempo (5 sesións) permitiu establecer un vínculo de seguridade facilitando que o alumnado perdese a vergoña e formulase preguntas máis profundas sobre mitos, sexualidade e afectividade.
Tras a realización e análise da ficha de traballo sobre Infeccións de Transmisión Sexual (ITS) e métodos anticonceptivos extráense as seguintes conclusións principais:
● Desmitificación e adquisición de coñecementos: A actividade permitiu identificar e intervir sobre lagoas informativas severas, especialmente na diferenza entre a prevención de embarazos non planificados e a prevención efectiva de ITS.
●Priorización do método de barreira: O alumnado comprendeu que o preservativo (tanto masculino como feminino) é o único método eficaz de dobre protección. Reforzouse a idea de que os métodos hormonais non protexen fronte ás infeccións.
● Visión positiva e responsable: Seguindo o enfoque do Programa Quérote+, a sexualidade abordouse desde a promoción do benestar emocional, o autocoñecemento, a igualdade de xénero e o "bo trato", lonxe de enfoques baseados puramente no medo ou no tabú.
● Desenvolvemento do pensamento crítico: Traballar esta ficha dotou aos adolescentes de ferramentas fronte á sobreinformación ou mitos da internet, promovendo a toma de decisións autónomas, responsables e consensuadas nas súas relacións afectivo-sexuais.
●Valoración do recurso público: Consolidouse a existencia da rede de Centros Quérote+ como un servizo público galego, gratuíto e confidencial ao que o alumnado sabe que pode acudir de xeito autónomo para resolver dúbidas ou recibir asesoramento profesional.
-
CANTO SABEMOS DA ENDOMETRIOSE?? Comezamos con forza falando dunha doenza que afecta a un número importante de mulleres, entre un 10 e un 1...
-
3 DE DECEMBRO: DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL. Outra das datas coas que se traballou este curso foi o 3 de dece...
-
AS FUMIKOS Moitas son as mulleres non recoñecidas ao longo da historia, cuxos traballos e logros lles foron usurpados ou simplemente atri...







