venres, 3 de xullo de 2026

 

FICHA 8 DO PROXECTA: 

HOXE DAMOS A CLASE NOS


As docentes que traballaron esta ficha foron Paz Ares e Ana Carballeira. A ficha desenvolveuse no mes de maio.

A metodoloxía empregada nesta actividade estivo baseada na aprendizaxe entre iguais (peer learning), unha estratexia que permite que o alumnado se converta en protagonista activo do proceso educativo ao asumir o papel de transmisor de coñecementos.

A preparación e exposición da presentación favoreceu a aprendizaxe significativa, xa que obrigou ao alumnado a seleccionar, organizar e reelaborar os contidos traballados ao longo do curso para poder explicalos de maneira clara e comprensible a outros compañeiros e compañeiras.

Así mesmo, potenciáronse competencias comunicativas, sociais e persoais, como a expresión oral, a escoita activa, a capacidade de síntese, a autoconfianza e o traballo cooperativo. O alumnado asumiu un papel activo e responsable, reforzando a súa percepción de competencia e protagonismo dentro do proceso de aprendizaxe.

A coordinación entre o Departamento de Orientación e a titoría permitiu crear un contexto seguro e motivador no que o alumnado puido expresar libremente os coñecementos adquiridos, favorecendo a reflexión compartida e a difusión de mensaxes positivas relacionadas coa educación afectivo-sexual, o respecto á diversidade e as relacións saudables.

A actividade constituíu unha experiencia de aprendizaxe especialmente enriquecedora ao converter ao alumnado en axente activo de sensibilización e formación para outros compañeiros e compañeiras do centro.

Ademais o alumnado de 3º da ESO foi o encargado de compartir cos seus compañeiros e compañeiras de 4º da ESO os coñecementos adquiridos ao longo do programa Querote+. Esta ficha desenvolveuse entre finais de maio e principios de xuño.

Para preparar esta intervención desenvolvéronse dúas sesións de traballo, os días 22 e 29 de maio, coincidindo co horario de titoría. Durante estas sesións organizouse o alumnado en cinco grupos, aos que se lles deu autonomía para seleccionar tanto o formato das súas presentacións como os contidos que desexaban abordar, sempre dentro das temáticas traballadas no programa.

A actividade final levouse a cabo o 5 de xuño nunha sesión de 50 minutos. Cada un dos grupos expuxo o seu traballo diante do alumnado de 4º da ESO, promovendo unha metodoloxía de aprendizaxe entre iguais. Para o desenvolvemento desta sesión contouse coa colaboración do Departamento de Orientación.

As actividades realizadas por cada grupo foron as seguintes:

●  Grupo 1: elaborou un conxunto de tarxetas con conceptos relacionados coa sexualidade, que foron repartidas entre o alumnado de 4º da ESO. Posteriormente, varios participantes leron en voz alta os termos asignados e explicaron o seu significado segundo a súa percepción, favorecendo unha posta en común e a aclaración de conceptos.

 Grupo 2: deseñou unha dinámica baseada en preguntas sobre identidade de xénero e diversidade sexual. As cuestións formuláronse ao alumnado participante e serviron como punto de partida para un debate no que se intercambiaron opinións e se resolveron dúbidas.

 Grupo 3: presentou diferentes situacións relacionadas coa influencia das tecnoloxías nas relacións afectivo-sexuais. A partir destes casos prácticos promoveuse a reflexión conxunta sobre as condutas máis adecuadas e responsables en cada situación.

 Grupo 4: realizou unha presentación sobre os principais mitos do amor romántico, abordando cuestións como os celos, o mito da media laranxa ou as características das relacións saudables. Para ilustrar estes conceptos empregaron exemplos extraídos do cine e doutras producións audiovisuais.

 Grupo 5: elaborou, empregando cartón e outros materiais plásticos, un mural manipulativo con diferentes métodos anticonceptivos. A actividade consistiu en que dous alumnos ou alumnas de 4º da ESO clasificasen os distintos métodos en tres categorías, explicando posteriormente ao resto do grupo as características e diferenzas entre eles, o que permitiu reforzar os coñecementos sobre prevención e saúde sexual.

 




 

Ningún comentario:

Publicar un comentario