venres, 3 de xullo de 2026

 

FICHA 7 DO PROXECTA: ACONCEPCIÓN, CONCEPCIÓN E ITS

 

As docentes que traballaron esta ficha e os grupos de alumnado foron  Bárbara Merino co grupo de 1º FP Básica Electrónica e 2º FP Básica Administrativo, Paz Ares co grupo de 1º FP Básica Administrativo e Aurea Parcero con 3º ESO.

Coa FP Básica esta ficha desenvolveuse no mes de maio e ocupou 2 sesións.

Con esta ficha preténdese proporcionar ao alumnado información básica e rigorosa sobre as infeccións de transmisión sexual (ITS), favorecendo a adquisición de hábitos responsables e o desenvolvemento dunha actitude crítica fronte aos riscos asociados ás prácticas sexuais non seguras. Así mesmo, búscase fomentar a prevención, o coñecemento dos métodos de protección e a importancia do coidado da saúde sexual.

A actividade desenvolveuse en dúas sesións de 50 minutos co alumnado de 1º de FP Básica.

Ao inicio da sesión realizouse unha breve charla para explorar os coñecementos previos do alumnado sobre as infeccións e enfermidades de transmisión sexual. A diferenza doutras fichas traballadas anteriormente, observouse que o nivel de coñecemento do grupo era considerablemente menor neste ámbito, aparecendo numerosas dúbidas e ideas pouco precisas sobre as formas de transmisión, prevención e consecuencias destas infeccións.

Para o desenvolvemento da actividade empregáronse os materiais facilitados na aula virtual do programa Quérote+, especialmente os vídeos, gráficos e recursos audiovisuais incluídos na ficha. Estes materiais serviron como punto de partida para a explicación dos contidos e permitiron aclarar conceptos relacionados coas principais infeccións de transmisión sexual, os seus mecanismos de contaxio, as medidas preventivas e a importancia do diagnóstico precoz.

A visualización dos recursos xerou diferentes intervencións e preguntas por parte do alumnado, dando lugar a pequenos debates e reflexións guiadas sobre a realidade actual da saúde sexual entre a poboación nova. As explicacións complementáronse coa resolución das dúbidas formuladas polo grupo, favorecendo unha participación activa durante toda a sesión.

Con 3º ESO a intervención pedagóxica tivo un carácter continuado e estruturouse nun total de 5 sesións formativas de 50 minutos cada unha , o que permitiu profundar de maneira progresiva e secuenciada nos contidos relativos ás Infeccións de Transmisión Sexual (ITS) e os métodos anticonceptivos.

O deseño metodolóxico respondeu a un modelo cíclico e participativo, organizado en tres fases principais distribuídas ao longo das cinco xornadas:

1. Fase de Exposición Teórica e Clarificación Conceptual

 Uso de soporte dixital: Nas primeiras sesións utilizouse o PowerPoint como ferramenta visual para introducir os conceptos clínicos, biolóxicos e preventivos.

 Secuenciación de contidos: A división en 5 sesións facilitou que a información teórica se fragmentase de forma asimilable para o alumnado de 3º de ESO, evitando a saturación informativa e permitindo fixar ben os conceptos de ITS e anticoncepción.

2. Fase de Aprendizaxe Cooperativa e Expresión Creativa

 Deseño de carteis representativos: Dedicáronse sesións específicas ao traballo en talleres prácticos onde o alumnado, organizado en equipos, plasmou os coñecementos adquiridos.

 Procesamento da información: Esta fase activa serviu para que os estudantes debatesen entre eles, sintetizasen os riscos e as medidas de prevención, e asumisen un papel de axentes de saúde reprodutiva dentro da propia aula. 

3. Fase Dialóxica e de Debate (Rolda de Preguntas)

 Espazo transversal de resolución: A contestación de preguntas e dúbidas non se limitou ao final, senón que se integrou como un fío condutor ao longo das 5 sesións.

 Clima de confianza: A continuidade no tempo (5 sesións) permitiu establecer un vínculo de seguridade facilitando que o alumnado perdese a vergoña e formulase preguntas máis profundas sobre mitos, sexualidade e afectividade.

Tras a realización e análise da ficha de traballo sobre Infeccións de Transmisión Sexual (ITS) e métodos anticonceptivos extráense as seguintes conclusións principais:

 Desmitificación e adquisición de coñecementos: A actividade permitiu identificar e intervir sobre lagoas informativas severas, especialmente na diferenza entre a prevención de embarazos non planificados e a prevención efectiva de ITS.

Priorización do método de barreira: O alumnado comprendeu que o preservativo (tanto masculino como feminino) é o único método eficaz de dobre protección. Reforzouse a idea de que os métodos hormonais non protexen fronte ás infeccións.

 Visión positiva e responsable: Seguindo o enfoque do Programa Quérote+, a sexualidade abordouse desde a promoción do benestar emocional, o autocoñecemento, a igualdade de xénero e o "bo trato", lonxe de enfoques baseados puramente no medo ou no tabú.

  Desenvolvemento do pensamento crítico: Traballar esta ficha dotou aos adolescentes de ferramentas fronte á sobreinformación ou mitos da internet, promovendo a toma de decisións autónomas, responsables e consensuadas nas súas relacións afectivo-sexuais.

Valoración do recurso público: Consolidouse a existencia da rede de Centros Quérote+ como un servizo público galego, gratuíto e confidencial ao que o alumnado sabe que pode acudir de xeito autónomo para resolver dúbidas ou recibir asesoramento profesional.

  

 
  

 
   

 
 
 
  
 
 
Acceso ás presentacións utilizadas pola docentes implicadas nesta ficha.:
 
 
 ITS
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario