FICHA 6 DO PROXECTA: CULTIVANDO HABILIDADES
As docentes que traballaron esta ficha e os grupos de alumnado foron Laura Carpente co grupo de 2º FP Básica Electrónica, Irene Sánchez cos grupos de 1º FP Básica Administrativo e Electrónica, Bárbara Merino con 2º FP Básica Administrativo e Vera Álvarez con 3º ESO
Con 3º ESO esta ficha traballouse no mes de marzo. A actividade iniciouse coa explicación da ficha 6, centrada na reflexión sobre a toma de decisións persoais, a presión social e a importancia da autonomía nas relacións interpersoais.
Como primeira dinámica, presentáronse na pantalla dixital catro situacións cotiás próximas á realidade do alumnado. O obxectivo era que reflexionasen individual e colectivamente sobre como actuarían en cada caso, argumentando as súas decisións e analizando os factores que podían influír nelas.
As situacións expostas foron as seguintes:
• A publicación dunha fotografía nas redes sociais na que se recibían comentarios ofensivos e críticas sobre a presenza de pelo nas axilas, cualificándoo de “noxento” ou “antihixiénico”.
• A presión para consumir cannabis nun contexto grupal por parte dunha persoa pola que se sente atracción, a pesar de non ser consumidor ou consumidora habitual.
• A proposta da parella de tatuar os seus nomes como mostra de amor e compromiso.
• A insistencia da parella para manter relacións sexuais cando unha das persoas non se sente preparada, utilizando argumentos como que “todo o mundo xa o fixo” ou que “xa o necesita”.
Tras a presentación destes casos, cada alumno e alumna dispuxo dun tempo para reflexionar individualmente sobre as situacións expostas e sobre as posibles respostas que consideraba máis axeitadas. Posteriormente, realizouse unha posta en común na que o alumnado compartiu as súas opinións e argumentos de forma oral, favorecendo o intercambio de puntos de vista e a análise crítica das distintas situacións.
A partir destas reflexións, promoveuse un debate aberto no que se analizaron cuestións relacionadas coa presión do grupo, a influencia das redes sociais, os estereotipos de beleza, a toma de decisións autónoma, o respecto aos límites persoais e a importancia do consentimento nas relacións afectivas e sexuais.
A continuación, proxectouse un fragmento dun podcast no que se cuestionaba e criticaba o concepto de consentimento. A partir do seu visionado, promoveuse un debate guiado para analizar os argumentos expostos, identificar as ideas erróneas presentes no discurso e reflexionar sobre as consecuencias que este tipo de mensaxes poden ter na construción das relacións afectivas e sexuais.
Posteriormente, visualizáronse outros materiais audiovisuais relacionados co consentimento, entre eles un vídeo protagonizado por unha nai que explicaba este concepto desde unha perspectiva educativa e outro recurso didáctico coñecido como “o consentimento e a taza de té”. Estes materiais serviron para facilitar a comprensión dun concepto complexo mediante exemplos sinxelos e accesibles para o alumnado.
Seguidamente, mediante unha presentación apoiada en titulares de prensa e casos reais, desenvolveuse unha reflexión colectiva arredor de diversas cuestións clave: que é o consentimento, por que existen relacións sexuais sen consentimento, se existe unha idade legal para consentir e cales son os elementos fundamentais para garantir relacións baseadas no respecto e na liberdade de decisión. O alumnado participou activamente achegando reflexións e formulando preguntas, o que permitiu afondar na análise destas cuestións.
Nunha fase posterior, realizouse unha actividade cooperativa en pequenos grupos. A cada grupo entregáronselle catro frases habitualmente empregadas como mecanismo de presión para manter relacións sexuais. O alumnado debía analizar cada situación e elaborar respostas argumentadas que permitisen facer fronte a esas presións de maneira asertiva e respectuosa cos propios límites persoais. Finalmente, as respostas foron compartidas e comentadas en gran grupo, favorecendo a aprendizaxe entre iguais e a reflexión colectiva sobre a importancia do consentimento e da autonomía persoal.
Como actividade de peche, realizouse unha síntese colectiva dos contidos traballados ao longo da sesión. A través do diálogo e das achegas do alumnado, construíuse unha definición compartida do consentimento, identificando as características que debe reunir para que unha relación sexa verdadeiramente libre, respectuosa e saudable.
Entre todos e todas concluíuse que o consentimento debe ser reversible, podendo retirarse en calquera momento; afirmativo, expresado de maneira clara; procesual, manténdose durante toda a interacción; entusiasta, baseado no desexo e non na resignación; voluntario, libre de presións ou coaccións; e específico, referido a cada situación concreta.
Esta reflexión final permitiu consolidar as aprendizaxes desenvolvidas durante a actividade e reforzar a importancia do consentimento como elemento esencial das relacións afectivas e sexuais saudables, promovendo actitudes baseadas no respecto mutuo, a comunicación, a liberdade de decisión e a autonomía persoal.
A metodoloxía utilizada foi activa, participativa e baseada na aprendizaxe reflexiva. A través da análise de casos prácticos, do debate, do visionado de materiais audiovisuais e do traballo cooperativo, o alumnado puido situarse en escenarios próximos á súa realidade e desenvolver habilidades de pensamento crítico, argumentación, comunicación e resolución de conflitos.
O papel do profesorado consistiu en facilitar o diálogo, garantir un clima de respecto durante o intercambio de opinións e orientar as reflexións cara á identificación de comportamentos saudables e respectuosos. Así mesmo, fomentouse a análise das consecuencias das distintas decisións e a importancia de actuar de acordo cos propios valores e conviccións, sen ceder a presións externas nin vulnerar os límites propios ou alleos.
A actividade permitiu traballar competencias relacionadas coa educación afectivo-sexual, a autoestima, a asertividade, o pensamento crítico e a toma de decisións responsables, promovendo o desenvolvemento da autonomía persoal e o respecto cara ás decisións e límites propios e alleos.
Coa FP Básica Servizos Administrativos e 1ºFPBásica Electricidade e electrónica esta ficha traballouse durante a segunda semana de abril, e desenvolveuse en dúas sesións.
Os obxectivos que nos propuxemos para a preparación da sesión foron:
- Dotar ao alumnado de estratexias para identificar e previr situacións de abuso e falta de consentimento.
- Analizar o sexismo en espazos de lecer nocturno e a normalización das violencias sexuais.
- Identificar as "trampas" da coacción e o chantaxe emocional en vínculos afectivo-sexuais.
- Desenvolver un protocolo de actuación ante conflitos baseando na observación, o pensamento crítico e as necesidades persoais.
- Dotar ao alumnado de habilidades sociais específicas (asertividade e capacidade de negativa) para poñer límites, identificar e previr situacións de abuso ou falta de consentimento.
- Fortalecer as habilidades de xestión da presión de grupo e a resolución pacífica de conflitos en espazos de lecer nocturno a través do Teatro Forum.
Esta ficha foi desenvolvida en varias fases tendo como guía unha presentación power point preparada co material dado polo programa:
Fase 1: Teatro Forum - "Dobre Volta". Realizouse unha dinámica de dramatización baseada en catro escenarios de conflito cotián:
1. Redes sociais: Resposta ante comentarios de odio e presión estética (fotos en Instagram).
2. Presión de grupo: Consumo de substancias e habilidades de negativa ante o grupo de iguais.
3. Probas de amor: Identificación de mitos románticos (tatuaxes, entrega de contrasinais).
4. Presión sexual: Xestión da insistencia e defensa da autonomía corporal.
Na "segunda volta", o alumnado participante e o público buscaron finais alternativos baseados na asertividade.
Fase 2: O Consentimento e o Marco Legal. A través da analoxía do "té" e o estudo de titulares reais de prensa, debatéronse conceptos clave:
● Diferenza entre ausencia de "non" e presenza dun "si" entusiasta.
● Marco legal: idade de consentimento (16 anos) e dereito á liberdade sexual fronte ao "deber conxugal".
● As claves para garantir relacións consentidas: reversibilidade, especificidade e voluntariedade.
Fase 3: O Sexismo sae de festa. Análise participativa sobre como a sociedade normaliza a violencia sexual en espazos de festa:
● A pirámide da violencia: Desde o humor sexista e os piropos ata o asasinato.
● Identificación de roles: Uso de ilustracións (monstros) para visibilizar comportamentos como o acoso en grupo, a submisión química ou a obxectivización das mulleres nas discotecas.
● Desmontar culpas: Reflexión sobre as falsas causas das agresións (roupa, alcohol, lugares solitarios).
Fase 4: Desvelar as "Trampas" da Coacción. Identificouse un decálogo de frases de chantaxe emocional empregadas frecuentemente para vulnerar o consentimento. Pensamos frases e actuación de resposta a este tipo de situacións.
● "Se me quixeras, faríalo" (Mito do amor como sacrificio).
● "Todo o mundo o fai" (Presión pola norma social).
● "Se bebemos un pouco, dános menos vergoña" (Uso de substancias para anular a vontade).




Ningún comentario:
Publicar un comentario