xoves, 2 de xullo de 2026

 

FICHA 4 DO PROXECTA: O MODELO DO AMOR ROMÁNTICO


As docentes que traballaron esta ficha e os grupos de alumnado foron  Laura Carpente co grupo de 2º FP Básica Electrónica, Irene Sánchez cos grupos de 1º FP Básica Administrativo e Electrónica, Bárbara Merino con 2º FP Básica Administrativo e Vera Álvarez con 3º ESO

Esta ficha desenvolveuse en decembro con 3º ESO e nos meses de xaneiro – febreiro cos grupos de FP Básica.

Con 3º ESO a actividade desenvolveuse co obxectivo de promover unha reflexión crítica sobre o concepto do amor romántico e a súa idealización na sociedade actual. Para iso, empregouse unha metodoloxía participativa e dialóxica baseada na análise de referentes literarios clásicos e contemporáneos.

Nun primeiro momento, presentouse e explicouse a ficha sobre o amor romántico, relacionando os seus principais mitos e características con exemplos procedentes da literatura e da cultura popular. Entre as obras e referencias utilizadas atopáronse Romeo e Xulieta de Shakespeare, A Odisea, La Celestina, así como novelas xuvenís actuais como After e A través de mi ventana. Esta contextualización permitiu identificar a presenza histórica e cultural de determinados tópicos románticos e analizar a súa influencia na construción das relacións afectivas.

Posteriormente, a clase foi dividida en pequenos grupos de traballo. A cada grupo asignáronselle dous tópicos ou mitos do amor romántico, sobre os que debían debater e argumentar se consideraban que representaban unha forma de amor saudable ou, pola contra, unha crenza errónea ou idealizada. O alumnado tivo que fundamentar as súas opinións mediante exemplos e reflexións compartidas dentro do grupo.


Nunha terceira fase, realizouse unha posta en común en gran grupo, na que cada equipo expuxo as súas conclusións. Este espazo de diálogo favoreceu o intercambio de puntos de vista e a confrontación de ideas. Durante o debate xurdiron discrepancias significativas entre os grupos. Por exemplo, un dos equipos defendía a existencia da “media laranxa” como unha realidade afectiva, mentres que a maior parte da clase consideraba este concepto un mito do amor romántico.

Neste contexto, o papel do profesorado consistiu en dinamizar a reflexión, formular preguntas que fomentasen o pensamento crítico e achegar argumentos fundamentados para cuestionar determinadas crenzas idealizadas. A intervención docente estivo orientada a promover a análise crítica dos mitos románticos, especialmente daqueles que poden xerar expectativas pouco realistas ou relacións de dependencia emocional.

Como fase final da actividade, realizouse unha reflexión colectiva orientada á identificación das características propias dunha relación afectiva saudable. A través dunha choiva de ideas, o alumnado foi propoñendo e escribindo no encerado aqueles valores e actitudes que consideraban fundamentais nun amor real e equilibrado. Entre as achegas destacaron conceptos como a empatía, a amizade, o cariño, o respecto mutuo, a sinceridade, a comprensión, a confianza, a comunicación e a liberdade persoal.

Esta dinámica permitiu contrastar as características dun vínculo afectivo saudable cos mitos do amor romántico analizados previamente durante a sesión. Unha vez recollidas as achegas do alumnado, presentáronse e comentáronse as características incluídas na ficha 4, establecendo comparacións entre ambas e comprobando as coincidencias existentes. Deste xeito, reforzouse a idea de que as relacións afectivas sas se constrúen sobre valores de igualdade, respecto e benestar mutuo, afastándose das crenzas idealizadas que poden xerar expectativas irreais ou dinámicas pouco saudables.

A metodoloxía utilizada foi activa, participativa e reflexiva, combinando a exposición dialogada, o traballo cooperativo e o debate grupal. A actividade favoreceu a aprendizaxe significativa a partir das experiencias e opinións do alumnado, promovendo o desenvolvemento do pensamento crítico, a argumentación e a educación afectivo-sexual desde unha perspectiva de igualdade e benestar emocional.

Ademais, a utilización de referentes culturais próximos ao alumnado, xunto con obras clásicas da literatura, permitiu establecer conexións entre diferentes épocas e comprender a permanencia de determinados mitos amorosos ao longo da historia.

A actividade concluíu cunha reflexión compartida sobre a importancia de desenvolver unha visión crítica do amor romántico e de promover relacións baseadas no respecto, a autonomía persoal e o coidado emocional.

 

Evidencia do traballo realizado con 3º ESO.




Con  1º FPBásica Servizos Administrativos e 1ºFPBásica Electricidade e electrónica esta ficha traballouse a última semana de xaneiro - 2 sesións

Os obxectivos que nos propoñemos para a preparación da sesión foron:

Ø Analizar de forma crítica as manifestacións dos mitos do amor romántico a través de frases tipo e produtos culturais (música, series, literatura).

Ø Fomentar a coavaliación e a escoita activa entre iguais mediante estratexias de participación dinámica (uso de post-its e tempos limitado).

Ø Desenvolver o pensamento crítico a través da análise de contidos audiovisuais e musicais de consumo habitual entre a mocidade.

Ø Deseñar propostas colectivas de modelos de relación baseados no coidado, o desexo e o amor saudable.

 

Sesión 1. Análise de mitos e recollida de referentes culturais.

A aula organizouse nun total de sete grupos de traballo. A dinámica desenvolveuse a través dos seguintes pasos:

Distribución do material: entregouse a cada equipo un sobre cunha folla de traballo (a partir do material didáctico de referencia), asignándolle a cada un ou a cada parella, unha frase concreta (sete en total) que recollía un mito do amor romántico.

Análise cooperativa: cada grupo realizou un estudo crítico e redactou as conclusións sobre a frase asignada. Como tarefa complementaria, deberon elixir e rexistrar un produto cultural (canción, serie, película ou libro) cuxa temática fose o amor.

Exposición e coavaliación: os grupos presentaron oralmente as súas análises. Durante as exposicións, aplicouse unha dinámica de participación activa na que o resto da aula (o público) dispoñía de 1 minuto para escribir as súas impresións nun post-it, que posteriormente se incorporaban á folla de traballo do grupo expositor.

 

Sesión 2: Deconstrución audiovisual e propostas de amor saudable

Partindo do traballo previo, a segunda sesión centrouse na reflexión práctica do material que recibimos a diario e na construción de alternativas:

 Análise de referentes elixidos: a docente realizou un cribado previo das sete propostas musicais/audiovisuais elixidas polo alumnado na sesión anterior. Durante a sesión, procederase á escoita/visualización conxunta dos temas, abrindo un espazo de debate guiado e respondendo por  escrito a preguntas de análise crítica sobre as letras escoitadas. Entre as propostas escollidas polo alumnado, analizamos: Pienso en sexxxo (Omar Courtz); Ojitos Lindos (Bad Bunny y Bomba Estéreo); Emociones (Hades66); Feel it (d4vd); Ma meilleure ennemie (Arcane S2 Soundtrack); La luna y el sol (Jarfaiter); Por ti (Radikal); Muchas caricias (Maka); Love (Hard GZ).

Construción de propostas sas: Co obxectivo de transcender a crítica e xerar unha visión construtiva, os mesmos grupos de traballo completaron a segunda cara do material. Alí traballaron sobre os conceptos de coidado, desexo e respecto, elaborando de xeito conxunto ideas claves para ter á vista de amor saudable libre de mitos.

Empregouse unha metodoloxía activa, baseada na aprendizaxe cooperativa e na análise de produtos culturais de masas. A intervención estruturouse en dúas sesións encadeadas, combinando o traballo analítico en pequenos grupos coa posta en común en gran grupo e dinámicas de retroalimentación rápida.


Con  2º FP Básica de Electricidade e Electrónica esta ficha desenvolveuse en xaneiro. A actividade consistía en traballar co alumnado o concepto de amor romántico, de explorar os seus conceptos previos e de redefinir os prexuízos detectados.

O desenvolvemento da actividade fíxose en dúas sesións:

Na primeira sesión presentáronse unha serie de mitos sobre o amor romántico por medio dunha presentación proxectada no taboleiro dixital. Nesta primeira sesión pediuse ao alumnado que fixera unha reflexión individual e por escrito sobre cada unha das ideas presentadas. Pasados uns minutos fomos expondo en grupos as ideas, unha por unha, e aproveitando o debate entre o alumando para ir definindo a idea na que maiormente estaban de acordo. Esa idea acordada escribiámola no taboleiro dixital.

Na segunda sesión continuamos coa exposición e debate sobre as ideas que non nos dera tempo a traballar na primeira sesión. Algúns conceptos relacionados coas reflexións feitas foron aproveitados pola docente para amplialos por medio de definicións xa ensartadas previamente na presentación, como “igualdade”, “diversidade”, “asertividade” ou “coidados” e “liberdade”. Co debate recente pasamos a traballar sobre o contido dunha canción de rap proposta por un alumno, comprobando que algúns dos mitos sobre os que reflexionáramos estaban presentes na letra.

 

Ao longo das dúas sesións a actitude do alumnado foi moi activa e participativa. O debate xurdiu espontaneamente e comentaron moitas situacións vividas por eles mesmos, confrontando reaccións, emocións e pensamentos. Penso que foi de utilidade tamén o feito de que eles mesmos propuxeran material para analizar baixo a óptica das reflexións feitas, posto que promove unha actitude analítica ante outras manifestacións na súa vida cotiá.


Evidencias do traballo con 2º FP Básica Electrónica

  • Con 2º de FP Básica Administrativo esta ficha desenvolveuse no mes de decembro. 

  • Para desmontar os mitos que rodean o amor romántico, adoptamos unha metodoloxía activa, reflexiva e participativa na que o alumnado toma a iniciativa. Esta estratexia implementouse en tres sesións

  • Actividades e debates participativos. Na primeira sesión, empregamos os materiais proporcionados para introducir o tema e iniciar o debate, analizando as propias experiencias e expectativas pasadas do alumnado.
















Ningún comentario:

Publicar un comentario