mércores, 3 de xullo de 2024

 

TERCEIRA EDICIÓN DO "CLUB DE LECTURA DE IGUALDADE"


Durante todo o curso desenvolveuse tamén o Club de Lectura de Igualdade, grazas ao apoio da coordinadora xeral dos Clubs de Lectura Cristina López Graça e ao alumnado que participou no mesmo, alumnado maioritariamente do 1º Curso do CS de Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear e tamén unha alumna de 1º CS de Sistemas de Telecomunicacións. 

O primeiro libro co que se traballou foi “Oito días sen Eva Cortés”, de Sara Vila. “A desaparición dunha rapaza en Pontevella sacode a cidade mentres a prensa local comeza a furgar na súa vida familiar e nas relacións persoais. Moitos prexuízos sociais pesan sobre Eva Cortes: ser muller, pertencer a unha familia humilde e frecuentar aplicacións de contactos. Na redacción do Correo de Pontevella non desperdician ningunha información morbosa, aínda que Antía Ubeira non estudase xornalismo para facer dun suceso tan tráxico unha noticia sensacionalista. O seu xefe só pensa en vender xornais, mentres ela se enfronta cada día aos seus principios. O diario de Eva Cortes, as novas do suceso no xornal e a visión de Antía son as tres voces que narran esta novela trepidante”. Con este libro aproveitamos para traballar a temática da violencia de xénero. Estivemos os meses de outubro, novembro e decembro, e participou alumnado de 1º CS IDMN, de 1º CS AF e 1º CS STI.



Ao remate do mesmo, o 19 de decembro Sara Vila, a autora, achegouse ao centro para compartir con nos un pequeno faladoiro sobre o libro,  as súas inquedanzas e de como  xurdiu Oito días sen Eva Cortés. Unha agradable reunión onde falamos de lectura e violencia machista.


Para o segundo libro (nos meses de Febreiro a Abril) foi a quenda de “Infamia”, un libro de Ledicia Costas, unha historia na que se misturan temas que lamentablemente enchen os titulares dos xornais  todos os días: abusos sexuais do clero, pedofilia, homofobia, violencia sexual ou corrupción. Participou alumnado de  1º CS IDMN e de 1º CS STI. “Emma Cruz é avogada e profesora de Dereito Penal. Trasládase a Merlo para impartir clases na Universidade, sen saber que ese lugar está marcado pola desgraza. A súa chegada coincide co 25 aniversario da desaparición das irmás Giraud, dúas nenas ás que semella que tragou a terra.” Nesta ocasión non puidemos contar coa autora xa que a falta de orzamento imposibilitou tal encontro. 



 

ENCONTRO CON ELENA VÁZQUEZ, ALUMNA DE 3º ESO

O 28 de maio organizamos un encontro entre o alumnado de 1º curso de CS de Sistemas de Telecomunicacións e Elena Vázquez, alumna de 3º ESO, na que o curso de 1º de STI escoitou de primeira voz a súa experiencia vital e xuntos reflexionamos sobre a necesidade de sensibilizar ao alumnado coas persoas afectadas de diversidade funcional.

oi un momento moi emotivo, xa que Elena compartiu as súas vivencias persoais e fíxonos pensar nas numerosas barreiras coas que se atopa no seu día a día e que para nos moitas delas pasaban inadvertidas.



 

"A ORIXE DAS DESIGUALDADES"

Aproveitando que Carmen Armada Olleros, profesora asociada da Área de Filosofía da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) estivo no centro como docente durante un tempo neste curso, no mes de maio organizáronse 3 faladoiros sobre a orixe das desigualdades. 
O alumnado participante foi o 1º curso do CS de Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear, o 1º curso do CS de Administración e Finanzas e o 1º curso do CM de Coidados Auxiliares de Enfermaría.




 

FALADOIRO "A NOVA ESCRAVITUDE DO SÉCULO XXI: TRATA DE SERES HUMANOS CON FINS DE EXPLOTACIÓN SEXUAL, OUTRA FORMA DE VIOLENCIA DE XÉNERO".

Trátase dun recurso do Plan Proxecta polo cal o 19 de abril se impartiron no centro 2 faladoiros: 1 con 1º BACH H e o 1º curso do CS de Sistemas de Telecomunicacións e outro con 1º BACH C e o 1º curso do CS de Administración e Finanzas. 

Neste caso foron impartidos por Estefanía Eléxpuru Boullosa, técnica do Proxecto Novicom de ACCEM. O alumnado reflexionou sobre o concepto de trata e a prostitución como unha forma de violencia sobre a muller.



 

FALADOIRO "A VIOLENCIA MACHISTA NAS RELACIÓNS DE PARELLA"


Faladoiro “A violencia machista nas relacións de parella”, charla que forma parte dos recursos de Plan Proxecta e que foi impartida a cargo de María Angélica Mercado Torres, mestra especialista universitaria en estudos de xénero e políticas de igualdade. Participou neste faladoiro o alumnado de 3º ESO, no que se falou das Relacións de Parella. 

Comezou formulando a pregunta de “Que é para ti o amor?” e tras unha breve reflexión falounos das diferentes fases polas que pasa o amor, incidindo en diferenciar os termos de namoramento e amor.

Na parte central da charla, centrouse na análise dos límites que se deben establecer nas relacións de parella e nos mitos do amor romántico na cultura popular, que xorden e aínda hoxe se manteñen na sociedade, se aceptan como verdadeiras e ao ser simplificadas producen unha distorsión da realidade que inflúe nos nosos comportamentos. Tamén nos fixo ver como eses patróns culturais, a educación que recibimos e moitos outros aspectos, fan que esta emoción que debería axudarnos, se converta nunha emoción que nos fai dano e nos resta na vida, entrando nunha escaleira cíclica de perda de autoestima, control do outro, desmotivación…etc.

Finalizou a charla, coa análise dos modelos de parella baseados na interdependencia fronte ao desenvolvemento mutuo. Rematou suxeríndonos diversas páxinas web e recursos para ter en conta diversas realidades sobre este tema e outros relacionados, por exemplo, a sexualidade.




 

XORNADA DE OBRADOIROS SOBRE "ISLAMOFOBIA"

O 20 de marzo desenvolvéronse no centro 6 obradoiros sobre identificación e prevención da Islamofobia. 

Estes talleres foron impartidos por Ismaín, técnico da Asociación Marroquí para a integración das personas Inmigrantes, que se desprazou dende Málaga para impartir durante a semana do 18 ao 22 de marzo unha serie de Obradoiros para sensibilizar ao alumnado do IES Santa Irene, do IES Politécnico e do IES Ricardo Mella (os tres centros de Vigo) sobre a Islamofobia.

Neste caso participaron nesta formación o alumnado de 1º Bacharelato (grupos C e H), 2º curso de FP Básica das ramas de Electrónica e Administrativo, 1º curso do CS de Administración e Finanzas, 1º curso do CS de Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear e 3º e 4º de ESO.




 

EXPOSICIÓN "Á VIOLENCIA DILLE.... NON!!!

Durante as semanas 7 a 21 de marzo volveu ao noso centro esta exposición que forma parte dos recursos do Plan Proxecta. Trátase dunha exposición gráfica ilustrada, dirixida a axudar á mocidade a recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas, nocivas nas súas relacións. Esta exposición xunto coa súa unidade didáctica é unha boa ferramenta para traballar co alumnado máis novo (e tamén co non tan novo) a prevención da violencia machista e das relacións tóxicas.


 

"MOZAS NAS REDES"

O pasado 20 de febreiro Estíbaliz Veiga cautivounos coa súa actuación na obra “Mozas nas Redes”, un espectáculo enfocado cara as mozas e mozos para reflexionar sobre as novas formas de violencia sexual que acontecen no entorno das novas tecnoloxías da información e comunicación.

Afonda na realidade que se agocha destrás do uso das novas tecnoloxías para capacitar á mocidade de ferramentas de detección dos posibles conflitos. Esta actividade forma parte do Plan proxecta “Por 365 días de respecto e igualdade” e participaron os grupos de 1º, 2º, 3º e 4º ESO.

Ao final o alumnado, nunha tarefa de reflexión sobre o visto no espectáculo, deixaron por escrito unha frase a modo de titular ou moralexa coa que quedarse.




 

FALADOIRO SOBRE ENDOMETRIOSE

O 30 de xaneiro desenvolveuse no centro un Faladoiro sobre a Endometriose, impartido pola Asociación “Querendo” de Mulleres vítimas desta doenza, e participaron o alumnado do 1º curso do CS de Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear e do 1º curso do CM de Técnico de Coidados Auxiliares de Enfermaría. Con esta actividade o que se pretendía era poñer de manifesto os nesgos que existen na Medicina á hora de diagnosticar unha doenza, sobre todo cando se refiren a enfermidades que son propias das mulleres. 

A Endometriose é unha doenza que afecta so ás mulleres, e en moitos casos os síntomas banalízanse ou non se presta á atención debida o que acaba derivando en situacións moito máis graves. 

Tanto por ser posibles vítimas desta doenza como futuro persoal sanitario, a finalidade deste faladoiro é sensibilizar ao alumnado con esta doenza, de xeito que no caso de atoparse cun posible caso de endomentriose, se  fagan as probas diagnósticas necesarias, na mesma medida que se realizan aos homes, en lugar de derivar ás vítimas aos profesionais da saúde mental sen facerlles unha triste exploración, só polo feito de ser mulleres.



 

 "VIOLENCIA DE XÉNERO E NOVO CONTEXTO DIXITAL"

O 10 de xaneiro desenvolvéronse no centro 5 Obradoiros centrados no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital: ciberviolencia de xénero, grooming, sextorsión, sexting…. 

Estes obradoiros, que forman parte do conxunto de recursos achegados polo Programa Proxecta por 365 días de Igualdade e Respecto, foron impartidos por persoal técnico de Pantallas Amigas, unha iniciativa que ten como misión a promoción do uso seguro e saudable das novas tecnoloxías e o fomento da cidadanía dixital responsable na infancia e a adolescencia, e participaron neles o alumnado de 1º curso do CM de Instalacións de Telecomunicacións, 1º curso do CM de Xestión Administrativa (grupos A e B), 1º curso de Bacharelato (grupos C e H) e 1º curso de FP Básica Administrativo.



 

ACTIVIDADES DESENVOLTAS NA AULA 


  • PROTOCOS DE ACTUACIÓN ANTE SITUACIÓNS DE SUBMISIÓN QUÍMICA.  Para o mes de novembro, que se conmemora o día internacional contra a Violencia Machista, o alumnado do 2º curso do CS de Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear, elaborou por equipos de traballo 4 Protocolos de Actuación ante unha situación de Submisión Química en 4 contextos diferentes: no grupo de amizades, de festa, nun centro educativo e nun centro sanitario.  


  • VISIBILIZANDO AS VIOLENCIAS MACHISTAS. Unha das propostas para conmemorar o 25 de Novembro foi que o alumnado visibilizase, a través de bonecas, as violencias sexistas e machistas que sofren as mulleres pola súa condición de muller.


  • CONTORNAS SEN VIOLENCIA? Tamén para conmemorar o 25 de Novembro foi que o alumnado gravase pequenos vídeos onde mulleres das súas familias compartisen situacións ou vivenzas onde se viran privadas de exercer algún dereito, simplemente polo  feito de ser muller.


  • SESGOS E DESIGUALDADES NA COMUNICACIÓN E NA PUBLICIDADE.   Neste caso dende o módulo de Empresa e Iniciativa Emprendedora traballouse co alumnado de 2º curso do CS de Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear a presenza de desigualdades e de sesgos machistas e sexistas no Marketing e a Publicidade. 


  • CONQUISTANDO ESPAZOS.  O obxectivo desta actividade  programada para o 8 de marzo era dar visibilidade a aqueles espazos onde a muller ten pouca ou ningunha presenza. Para iso.......  


  • REFERENTES FEMININOS NA LOITA SINDICAL. Neste caso a actividade centrouse en dar visibilidade ás mulleres que tiveron un papel importante na loita sindical, sendo este un espazo predominantemente masculino e onde o traballo destas mulleres quedou totalmente invisibilizado.  


  • AS PORTAS DIVERSXS.  O Nesta ocasión, co gaio do 17 de maio, día internacional contra a Lgtbifobia, o alumnado decorou as portas das súas aulas para visibilizar o rexeitamento da violencia cara as persoas do colectivo.


  • CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A LGTBIFOBIA.   Ademais das portas diversas, como mostra do rexeitamento cara a Lgtbifobia, o alumnado fixo uns "bocadillos" con mensaxes formato hashtag de rexeitamento cara os comportamentos homófobos e de respecto que se colgaron no teito do hall do centro, elaborouse un panel con exemplos de comentarios e expresións homófobas e transfobas, e realizáronse calendarios de peto con deseños de temática Lgtb



 FALADOIRO "A VIOLENCIA DE XÉNERO NA PUBLICIDADE"

Neste caso, entre os recursos que ofrece o Programa Proxecta facilitouse un Faladoiro sobre a violencia de xénero e o sexismo na publicidade, nos medios audiovisuais e nas redes sociais, a cargo de persoal especializado.

O faladorio dirixiuse a alumnado de Ciclo Medio da familia de Administrativo, 1ºA e 1ºB do CM de Xestión Administrativa, e foi impartido por Ana Otero Junquera, técnica especializada na materia.


 

FALADOIROS "ENLAZA VIGO" 2023-2024

O 20 de novembro leváronse a cabo no centro 4  Faladoiros do Programa “ENLAZA VIGO”do concello, desenvoltos por persoal especializado do CIM e orientados a traballar a prevención da Violencia de Xénero.

Asistiron 1º, 2º, 3º e 4º da ESO e 4º PDC, 1º CM XA-A, 1º CM XA-B, 1º CM TCAE Ordinario, 1º CM IT, 1º CM TCAE Dual, 1º FP Básica Electrónica e 1º FP Básica Administrativo.

Novamente as persoas técnicas se desprazaron ao centro, e nunha xornada maratoniana de mañá e tarde, reflexionouse co alumnado máis novo do centro sobre a necesidade de sensibilizar fronte ao machismo, as condutas sexistas, a violencia contra as mulleres en todas as súas formas e a violencia sexual.



 

QUÉROTE+ 2023/2024. OBRADOIROS SOBRE SEXUALIDADE, AUTOESTIMA E SOBRE O PROPIO QUÉROTE+


Este ano desenvolvéronse no centro 4 Obradoiros impartidos por persoal do centro Quérote+ de Vigo. Os grupos, datas e talleres que se levaron a cabo foron:  

  • O 25 de setembro, con 3º ESO: “Imaxe persoal e autoestima” 

  • Tamén o 25 de setembro con 2º ESO “Quen é Quérote+?” 

  • O 31 de outubro dous talleres, un con 1º FP Básica Administrativo e outro con 1º FP Básica Electrónica: “Sexualidade e Adolescencia” 

Establecéronse obxectivos diferentes segundo o grupo ao que se dirixía. Para 2º ESO o obxectivo era dar a coñecer entre a mocidade os centros Quérote+, como un recurso que ofrece a Consellería de Política Social e Xuventude, explicando cales son os servizos que ofrecen estes centros. 

Traballar a autoestima foi o obxectivo do obradoiro dirixido a 3º ESO. A autoestima é a valoración que a persoa ten sobre si mesma. Traballar sobre como se conforma e aportar ferramentas e estratexias de afrontamento é esencial para promover o benestar da mocidade. É un indicador de axuste psicolóxico e adaptación social, polo que é importante cultivala. Coa análise da nosa autoestima promovemos o propio coñecemento e aceptación, así como a aprendizaxe de habelencias sociais, como nos relacionarnos de xeito positivo facendo uso do bo trato. 

Cos grupos da FP Básica o obxectivo foi tratar a Sexualidade.  A mocidade, de forma xeral, segue a ter unha visión da sexualidade estigmatizada, estereotipada e mitificada, estando presentes de forma explícita e implícita unha serie de elementos que deforman e repercuten na visión e na vivencia da mesma. Seguen a manifestar dúbidas e inquedanzas sobre aspectos básicos do feito de ser sexuado e teñen dificultades para acceder a fontes de información fiables que lles aporten ferramentas útiles que contribúan no seu proceso de sexuación.



 

FALADOIRO CO ALUMNADO DE SANITARIA SOBRE "A SUBMISIÓN QUÍMICA: AXENTES CAUSANTES E COMO ACTUAR"

O día 27 de setembro realizouse un Faladoiro sobre “Submisión Química: axentes causantes e como actuar”.  

Tras un faladoiro inicial levado a cabo durante o anterior curso , este ano repetimos experiencia novamente cun ciclo de sanitaria. Nesta ocasión dirixiuse ao alumnado de 1º e 2º curso do CS de Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear.

Impartido por Rafael Fernández de Sanmamed San, xefe do departamento de sanitaria do IES, nel comentouse co alumnado as principais substancias utilizadas polos agresores para inducir a submisión e como actúan sobre o organismo, tipoloxías dos agresores sexuais e actuacións a levar a cabo no caso de identificar un posible caso de submisión química.





 

NOVA EDICIÓN 2023/2024 DO "PLAN DIRECTOR"

O 22 de setembro 2.023 leváronse a cabo os Obradoiros do “Plan Director” sobre Acoso Escolar, Novas Tecnoloxías e Violencia de Xénero con 1º, 3º e 4º ESO e 4ºPDC, impartidos pola policía nacional. 

Un ano máis solicitáronse varios obradoiros dentro do Plan Director, no que a policía nacional achégase aos centros de ensino para sensibilizar ao alumnado para que este tome conciencia dos riscos que existen nos eidos dixitais, das consecuencias negativas do mal uso das redes sociais ou do dispositivo móbil e dos delitos cibernéticos dos que poden ser vítimas se non prestan atención ou non son coidadosas ou coidadosos cando se relacionan a través das redes con persoas que non coñecen.

Por último abordáronse os temas do Acoso Escolar, o Ciberbulling e a Violencia de Xénero, temáticas con entidade propia e ao mesmo tempo moi relacionadas coas novas tecnoloxías.


 

OBRADOIROS "XÉNERO EDUCA" PARA A PREVENCIÓN DA VIOLENCIA MACHISTA.

O 11 de abril realizáronse no centro os Obradoiros “Xénero Educa”, talleres desenvoltos por Joshua Mateo, do Grupo Koremi.  

O traballo céntrase na prevención da violencia machista, utilizando unha metodoloxía máis lúdica e gamificadora, e sendo os obxectivos que se prentenden acadar: 

  • Empoderar ás persoas participantes no seu papel protagonista na procura de solucións para loitar contra a violencia de xénero.
  • Potenciar en cada participante os niveis de empatía e respecto cara ás demais persoas con actitude crítica cara á identificación das desigualdades.
  • Espertar un espírito crítico nos participantes para as actitudes e comportamentos relacionados coa violencia de xénero.
  • Concienciar sobre a desigualdade na que se educa a mozas e mozos adestrando as técnicas para identificar estereotipos sexistas.
  • Sensibilizar aos participantes no uso da linguaxe inclusivo.
  • Favorecer a reflexión sobre a violencia de xénero entre os adolescentes.
  • Potenciar as actitudes que axudan a construír as relacións en igualdade e sensibilizar aos participantes no uso da linguaxe inclusivo. 

Participou o alumnado de 4ºESO e 4º PDC, 1º FP Básica de Administrativo e 1º CM-B de Xestión Administrativa.




 

8 DE ABRIL, DÍA INTERNACIONAL DO POBO XITANO

O 8 de abril celebrouse no centro o Día Internacional do Pobo Xitano.  Para iso primeiro o alumnado de 2º CS de Sistemas de Telecomunicacións elaboraron unha revista “Que sabes do pobo xitano?” na que se analizaban diferentes aspectos da comunidade xitana: historia, música, educación, traballo, a familia, datas a conmemorar, o papel da muller e adicando tamén un dos artigos ao Secretariado Xitano e ao seu traballo. 

A revista, unha vez impresa distribuise entre o alumnado e o profesorado do centro, para poder integrar e traballar nas diferentes materias a cultura xitana. 

A revista tamén se distribuiu entre os centros da contorna, ao tempo que o propio día 8 organizouse no centro un acto para conmemorar a data,  visibilizar a cultura xitana (algunha alumna xitana trouxo postres típicos)  así como presentar a revista.


Ao acto, ademais de profesorado, alumnado e persoal non docente, tamén acudiron varias persoas en representación do Secretariado Xitano de Vigo
.



Para continuar coa sensibilización deste colectivo no noso IES realizouse un tríptico con información relevante sobre o pobo xitano para dar a coñecer a súa historia, as súas costumes, así como as súas loitas por sobrevivir ás inxustizas e os prexuízos que marcaron a súa existencia; e un taller de realización de chapas e pulseiras. Todo ilo, foi colocado na entrada do centro o día 8 de abril, o día internacional do pobo xitano, para que toda a comunidade educativa tivera acceso a esta información.