QUÉROTE+ 2023/2024. OBRADOIROS SOBRE SEXUALIDADE, AUTOESTIMA E SOBRE O PROPIO QUÉROTE+
Este ano desenvolvéronse no centro 4 Obradoiros impartidos por persoal do centro Quérote+ de Vigo. Os grupos, datas e talleres que se levaron a cabo foron:
O 25 de setembro, con 3º ESO: “Imaxe persoal e autoestima”
Tamén o 25 de setembro con 2º ESO “Quen é Quérote+?”
O 31 de outubro dous talleres, un con 1º FP Básica Administrativo e outro con 1º FP Básica Electrónica: “Sexualidade e Adolescencia”
Establecéronse obxectivos diferentes segundo o grupo ao que se dirixía. Para 2º ESO o obxectivo era dar a coñecer entre a mocidade os centros Quérote+, como un recurso que ofrece a Consellería de Política Social e Xuventude, explicando cales son os servizos que ofrecen estes centros.
Traballar a autoestima foi o obxectivo do obradoiro dirixido a 3º ESO. A autoestima é a valoración que a persoa ten sobre si mesma. Traballar sobre como se conforma e aportar ferramentas e estratexias de afrontamento é esencial para promover o benestar da mocidade. É un indicador de axuste psicolóxico e adaptación social, polo que é importante cultivala. Coa análise da nosa autoestima promovemos o propio coñecemento e aceptación, así como a aprendizaxe de habelencias sociais, como nos relacionarnos de xeito positivo facendo uso do bo trato.
Cos grupos da FP Básica o obxectivo foi tratar a Sexualidade. A mocidade, de forma xeral, segue a ter unha visión da sexualidade estigmatizada, estereotipada e mitificada, estando presentes de forma explícita e implícita unha serie de elementos que deforman e repercuten na visión e na vivencia da mesma. Seguen a manifestar dúbidas e inquedanzas sobre aspectos básicos do feito de ser sexuado e teñen dificultades para acceder a fontes de información fiables que lles aporten ferramentas útiles que contribúan no seu proceso de sexuación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario