xoves, 2 de xullo de 2026

 

FICHA 2 DO PROXECTA: EDUCACIÓN SEXUAL

As docentes que traballaron esta ficha e os grupos de alumnado foron  Bárbara Merino cos grupos de 1º FP Básica de Electrónica e 2º FP Básica de Administrativo, Laura Carpente con 1º e 2º FP Básica Electrónica, Mª Paz Ares con 1º FP Básica de Servizos Administrativos, e Susana Piñeiro e Ana Carballeira con 3º ESO.

Respecto da temporalización, en todos os grupos esta ficha traballouse entre finais de novembro e decembro.

Co grupo de 1º FP BÁSICA DE SERVIZOS ADMINISTRATIVOS a actividade desenvolveuse nunha única sesión de 50 minutos.

Na sesión realizouse, en primeiro lugar, unha dinámica de choiva de ideas arredor do concepto de sexualidade. O alumnado participou activamente, achegando palabras, ideas e reflexións que permitiron explorar os coñecementos previos existentes sobre este tema. Durante esta actividade, os estudantes deron renda solta á súa imaxinación e compartiron as súas percepcións e experiencias, evidenciando un nivel de coñecemento acorde ás súas idades, comprendidas entre os 15 e os 18 anos.

Posteriormente, empregáronse os materiais facilitados na ficha do programa Quérote+, favorecendo a análise e o debate sobre os distintos aspectos relacionados coa sexualidade, incidindo especialmente na importancia do respecto, da responsabilidade e da diversidade.

Ao longo da sesión promoveuse a participación de todo o grupo mediante preguntas abertas, reflexións compartidas e pequenas intervencións que permitiron contrastar opinións e aclarar conceptos.

 Co grupo de 2º FP BÁSICA DE ELECTRICIDADE E ELECTRÓNICA a actividade desenvolveuse en dúas sesións de 50 minutos.

Na primeira sesión, de exploración dos coñecementos previos do alumando, comezamos falando dos conceptos de “sexo” e “sexualidade”, soamente para introducir a temática e explicar a actividade.

Sen tratar aínda de matizar ou corrixir, pasamos a realizar unha choiva de ideas en dous pasos. Primeiro o alumando escribiu en papel e individualmente algunhas palabras que relacionaban co concepto de “sexo”. Seguidamente fomos escribindo por quendas as palabras de cada un no taboleiro electrónicoa, sinalando con números as veces que se repetían algunhas.

Deixamos para a segunda sesión o debate sobre o significado das palabras apuntadas e das razóns polas que as relacionábamos co concepto de “sexo”. Foi o momento de ir matizando significados e, sobre todo, de ampliar e distinguir os conceptos de “sexo” e “sexualidade”, para o que nos apoiamos en ocasións no material audiovisual seleccionado, vídeos e ligazóns para tratar aspectos como a pornografía, a prostitución e a toxicidade nas relacións.

Na primeira sesión, comprobamos que o alumnado confundía os significados de “sexo” e “sexualidade” na breve introdución que fixemos á choiva de ideas. Logo, apuntando na pizarra as palabras que relacionaban con “sexo” evidenciouse o enorme peso que lle daban aos conceptos relacionados directamente coa erótica, os órganos sexuais e o acto físico do coito. A palabra “follar” repetiuse sete veces.

Pero o debate posterior, xa na segunda sesión, permitiu fixarnos nas outras palabras apuntadas, preguntándonos polos motivos da súa relación coa palabra “sexo” no noso imaxinario e pensamento. Foi  ocasión para ir matizando ou ampliando algúns conceptos, como “intimidade”, “xénero” ou “fantasía”, por medio do debate e do material audiovisual seleccionado, vídeos e páxinas web incrustadas na presentación empregada.

Co grupo de 3º ESO: A ficha 2 levouse a cabo mediante 1 sesión que se estruturou cun enfoque participativo e reflexivo, buscando que o alumnado tivese un papel activo na construción da aprendizaxe. Ao longo dos 50 minutos de duración, combináronse diferentes recursos e dinámicas que favoreceron a reflexión e o intercambio de ideas arredor da educación afectivo-sexual.

Como actividade inicial, propúxose un diálogo aberto sobre o concepto de sexualidade, co obxectivo de identificar as ideas previas do grupo e crear un espazo de confianza no que o alumnado puidese expresar libremente as súas opinións. As intervencións puxeron de manifesto un coñecemento xeral acorde coa etapa evolutiva dos participantes, ao tempo que permitiron detectar algunhas crenzas e estereotipos que posteriormente se abordaron durante a sesión. Para isto, levouse a cabo unha choiva de ideas recollendo na pantalla interactiva da aula todos os termos que saían e se comentaban.

Na segunda parte empregáronse materiais audiovisuais e de prensa como punto de partida para a análise crítica. A visualización dun vídeo sobre as diferenzas entre a pornografía e as relacións sexuais reais, xunto coa lectura e comentario dun artigo sobre a plataforma OnlyFans, favoreceron o debate sobre a influencia destes contidos nas relacións interpersoais e na construción da sexualidade.

Durante toda a actividade promoveuse a participación do alumnado mediante preguntas guiadas, comentarios e reflexións conxuntas, favorecendo a adquisición dunha visión máis crítica e responsable sobre a sexualidade, baseada no respecto, o consentimento, a igualdade e a diversidade.

 A continuación móstranse as evidencias do traballo realizado co alumnado

 






Ningún comentario:

Publicar un comentario